Sunday 05 de May de 2024

Comeza unha nova edición do Pintar na Rúa no parque infantil de Malpica


O Concello de Malpica, a través da Concellería de Educación e Cultura, xa ten en marcha o obradoiro de pintura e recuperación de espazos urbanos Pintar na Rúa.

Este taller, destinado á rapazada de entre 6 e 14 anos, ten o propósito de encher de vida e cor as rúas do municipio ao mesmo tempo que a xuventude malpicá se forma neste ámbito.

Nas imaxes, o grupo está a completar o pintado do recinto do recentemente inaugurado parque infantil de Malpica. Neste caso trátanse de motivos relacionados co mar, a súa fauna e a súa flora.

Cómpre lembrar que Malpica foi un dos primeiros municipios da Costa da Morte no tratamento artístico de espazos degradados polo paso do tempo. O proxecto Pintar na Rúa comezou no 2014 co pintado do muro exterior do Centro Cívico.